Adopción >> Historia Detalles

Os maiores do CAAN da Deputación de Pontevedra atopan un novo fogar

O mes de xaneiro foi un bo mes para os cans máis maiores do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Máis do 60 % dos animais adoptados foron adultos que levaban moitos meses no centro da Armenteira agardando por unha persoa interesada na súa atención. En total foron 40 os que conseguiron unha segunda oportunidade nas primeiras semanas de 2016.

Os traballadores do CAAN levan desde sempre concienciando os seus visitantes sobre a importancia de adoptar cans adultos e, en especial, os máis "velliños" da canceira, que xeralmente precisan duns coidados maiores pero que, en contraprestación, teñen unha mellor adaptación ao seu novo fogar. De feito, desde a Deputación de Pontevedra estase a traballar nunha nova campaña informativa para a cidadanía en xeral que se porá en marcha nos vindeiros meses co obxectivo de buscar novos donos para os máis veteranos.

Anxo, un desexo cumprido

Algunhas das adopcións que se sucederon neste ano foron especialmente emotivas, tanto polo tempo que os cans levaban no centro coma polas condicións nas que foran recollidos no seu día.

O pasado 25 de xaneiro foi adoptado o primeiro can recollido polo CAAN. Foi o primeiro inquilino das instalacións da Armenteira logo de ser atopado o 8 de abril de 2013 no concello de Fornelos de Montes. Tiveron que pasar 2 anos, 8 meses e 17 días para que Anxo, nome co que o can foi bautizado polos traballadores á súa entrada no centro, atopase unha nova familia que estivese disposta a darlle o cariño e as atencións e coidados que precisa. Nesta ocasión foi Eduardo, un veciño de Vilanova de Arousa, quen, sen sabelo, tomou a decisión de adoptar o can máis veterano.

A adopción foi moi significativa e importante para todo o equipo de veterinarios e coidadores xa que, a maiores de implicar unha boa nova para un grande amigo que se foi gañando o cariño de todos, supón unha nova motivación para manter a esperanza de que cans coma el, que levan máis de dous anos no centro, poidan atopar unha nova familia.

Nova vida en Galicia

Silvinha foi recollida en xullo de 2014 no concello das Neves. Segundo indicaba o seu microchip procedía de Portugal, onde residía o seu propietario. O CAAN realizoulle diferentes requirimentos e notificacións ao dono e tivo que denuncialo finalmente por abandonar a cadela á súa sorte.

Os veterinarios destacan as condicións nas que Silvinha chegou ao centro, posto que presentaba fortes infeccións oculares e de oído, así como unha sarna xeneralizada. No CAAN trataron as súas enfermidades e mesmo realizaron a intervención cirúrxica que precisaban os seus ollos. A pesar de todos os seus padecementos Silvinha sempre tivo un carácter moi bo, demostrando o seu agradecemento polas atencións recibidas e facéndose querer todos os días polos seus coidadores. Rematado o tratamento a cadela recuperou a súa beleza natural, o que fixo posible que, a pesar da súa avanzada idade, atopase unha familia perfecta para ela. Nesta ocasión foron Ruth e a súa parella os que tomaron esta decisión tan importante.

No CAAN agardan que outras persoas tan xenerosas coma Eduardo e Ruth opten por incrementar a súa familia adoptando un can adulto, dándolles unha segunda oportunidade a outros animais con nomes propios coma Amor, Souta, Alan, Rómulo, Cristina... e así emendar a conduta irresponsable dalgunhas persoas, que os abandonaron e previamente incluso os maltrataron.

As persoas interesadas en adoptar un can poden visitar o centro da Armenteira ou consultar a páxina web (www.caan.depo.es), onde poden atopar fotografías e datos puntuais de todos os animais que están nas instalacións. Tamén se pode chamar por teléfono ao 986 140 360, onde o persoal do centro facilitará toda a información solicitada.

Hai que lembrar que a adopción non ten ningún custo para o interesado, premiando así a decisión de adoptar fronte á de comprar un animal. Os cans recollidos no CAAN, ademais, son entregados aos seus novos propietarios  desparasitados, vacinados e identificados.