Adopción >> Historia Detalles

"Duque": o can que será o "novo motor de vida" para un veciño de Mondariz

O CAAN da Deputación, por iniciativa da Garda Civil, entregou hoxe en adopción un mestizo de yorkshire a un home que sufrira a violenta morte da súa antiga mascota

20 de abril de 2018

Duque

Duque, un mestizo de yorkshire que atopou abandonado a Garda Civil o pasado 6 de marzo nunha estrada do concello de Valga, será desde hoxe o "compañeiro" e "novo motor de vida" para un veciño de Mondariz tras a colaboración entre o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) dependente da Deputación e o instituto armado.

A iniciativa de dar en adopción o can ao veciño xurdiu por mor das actuacións realizadas recentemente pola patrulla do Seprona de Ponteareas ao ter coñecemento da morte violenta, supostamente intencionada, do can que tiña este veciño, e que concluíu coa investigación penal do presunto autor por un delito de malos tratos animais. Este caso conmoveu especialmente aos axentes ao coñecer as limitacións físicas do propietario do animal, un home de 77 anos con mobilidade reducida, e a estreita relación e dependencia que tiña co seu can que, segundo as súas propias palabras, era "o seu motor de vida" e "a súa motivación para moverse".

Estas circunstancias impulsaron a actuación do Seprona, que se dirixiu ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) para buscarlle a este veciño de Mondariz un can que, aínda que non substituíse o anterior, podería supoñerlle un revulsivo emocional. Unha vez estudado o caso co persoal técnico do centro provincial, estes buscaron as características máis axeitadas para a adopción: un can pequeno e dócil que principalmente aportase compaña. Iniciouse entón a tramitación para que o can fose adoptado oficialmente pola filla do home, que se fixo responsable formal dos seus coidados.

A entrega do animal tivo lugar nas dependencias do posto da Garda Civil de Ponteareas de mans do tenente xefe da sección do Seprona, dun compoñente da patrulla e do veterinario responsable técnico do CAAN, José Luis Pedreira, quen se mostrou satisfeito por ter asinado unha "nova historia feliz" de adopción.

O Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira (Meis), que depende da Deputación de Pontevedra e está xestionado a través do Grupo Tragsa, dá actualmente acubillo a preto de 600 animais que esperan a ser adoptados por unha nova familia. Desde a súa apertura, en abril de 2013, o persoal profesional do CAAN realizou máis de 7.000 intervencións nos 49 concellos que están adheridos a este servizo provincial, cubrindo unha poboación de preto de 400.000 habitantes.

O pasado ano, o centro pechou o exercicio con preto de 2.100 actuacións. Grazas a algunhas destes labores, só no ano 2017, 254 cans foron devoltos ás persoas propietarias antes de chegar ao refuxio da Armenteira ao estar correctamente identificados e 270 foron recollidos polas súas propietarias e propietarios nas instalacións. Da totalidade de animais recolleitos polo centro só un 7,4 % tiñan microchip.

Ademais de traballar na erradicación do abandono, o CAAN fomenta o dereito á vida dos animais a través de campañas de sensibilización e promove as adopcións. Durante os seus cinco anos de funcionamento, preto de 1.600 cans atoparon unha nova familia, 387 durante o 2017.