Adopción >> Historia Detalles

"Amor", a veterana do CAAN acaba de ser adoptada esta semana

Chegara ao Centro de Protección e Acollida de Animais da Armenteira en abril de 2013, tan só un mes despois de que o centro comezase a funcionar, e foi adoptada esta semana por un veciño de Poio

23 de marzo de 2018

Amor

Chegou ao Centro de Protección e Acollida de Animais da Armenteira (CAAN) o 11 de abril de 2013, tan só un mes despois de que o centro comezase a funcionar, e as e os traballadores bautizárona co nome de 'Amor'. A escasas semanas de cumprírense os cinco anos da súa chegada, o equipo do CAAN acaba de despedir á que ata o momento era a cadela máis veterana en canto a tempo de permanencia no centro. "Parecía como se soubese que se ía para sempre porque se despediu de cada un de nós, facéndonos caricias a todos, e despois marchou toda contenta" asegura o xefe do servizo veterinario, José Luis Pedreira. ‘Amor' foi adoptada esta semana por un veciño de Samieira, en Poio.

‘Amor' entrara con 1 ano de idade, tras ser recollida por unha brigada de conservación de estradas en Meis, no mesmo concello no que se sitúa o CAAN, e segundo indican as persoas traballadoras "destacaba por ser unha cadela moi cariñosa". Este trazo do seu carácter foi definitorio para que o adóptante se decidise por ela posto que, no seu novo fogar, a cadela deberá convivir con nenos pequenos e tamén con outros animais. Hai que salientar que a persoa que adoptou a ‘Amor', xa tiña adoptado con anterioridade dous animais máis do CAAN.

A esta adopción hai que sumarlle, tamén nos últimos días, a de Antón. O último dos tres cadeliños que foran abandonados nunha clínica veterinaria en Sanxenxo o pasado mes de xaneiro, e que foran alimentados con biberón cada tres horas polo persoal do CAAN nos seus propios domicilios. A deputada responsable do CAAN, Eva Vilaverde, quixo valorar estas últimas adopcións indicando que "son claro exemplo dos obxectivos que pretendiamos conseguir coa campaña de adopción que lanzaramos o ano pasado,  focalizándoa nos cans que máis tempo levan no centro, porque cremos firmemente que todos e cada un dos animais do CAAN teñen unha oportunidade de atopar un novo fogar, e estamos vendo que isto é posible mantendo a calidade na prestación do servizo durante o tempo que faga falta". Vilaverde tamén asegurou que "o feito de que unha persoa acuda ao CAAN para realizar varias adopcións é indicativo do nivel de eficiencia, profesionalidade e incluso compromiso persoal do equipo humano co que temos a sorte de contar".